AMBIENTAZO NO MUNICIPAL E VICTORIA DO VILALBA F.S.

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. gañou por 8-6 o Santa Isabel F.S. na vixésima xornada de liga da Terceira División Nacional, na tarde do sábado no Pavillón Municipal de Vilalba ante máis de catrocentos espectadores.

Nun partidazo espectacular, con moitas alternativas no marcador, tensión, e un gran ambiente nas gradas (por parte das dúas afeccións) o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. sumou a quinta victoria consecutiva a costa dun bo equipo como o Santa Isabel F.S.

A primeira parte tivo ao equipo visitante como dominador e con ocasións para adiantarse, a boa actuación de Iago Amarelo impediuno. Foi Fran Pastor o que nunha boa acción adiantou ao equipo vilalbés e Antonio en propia meta puxo o 2-0 a falta de tres minutos para o descanso. Pero en dúas accións arbitrais dubidosas, un penalti e unha posible falta non sinalada, o equipo de Outeiro de Rei acadou o empate co que se chegou ao descanso.

Na segunda metade, o equipo adestrado por Alfonso e Luís saíu máis metido no encontro e no primeiro minuto Jose López empezou o seu recital goleador. Nos primeiros cinco minutos tiveron moi boas ocasións para ampliar a vantaxe pero noutra acción dubidosa Rubén Mouriz viu a segunda tarxeta amarela e o equipo visitante aproveitouno para acadar o empate. Nos seguintes minutos o Santa Isabel púxose por diante en varias ocasións pero primeiro Martín e despois Asier acadaron a igualada. Xa nos últimos minutos Jose López fixo o 6-5 e o equipo visitante sacou o porteiro xogador. Na primeira acción conseguiu o empate pero cometeu a sexta falta cando xa levaban defendendo ao límite durante varios minutos e Jose López non errou no dobre penalti co que voltou a adiantar ao seu equipo. Co Santa Isabel F.S. volcado outra falta sobre Asier permitiu a Jose López pechar o marcador e facer vibrar aos siareiros vilalbeses que ateigaban o Pavillón Municipal outra xornada máis.

SANTA ISABEL F.S.
Antonio, Fabián, Diego, Javi Río, Rubén – cinco inicial –, Adrián Cobas Alejandro, Francisco, Adrián Seijas e Jairo.

VALDESUSO PEUGEOT VILALBA F.S.
Iago, Jose López, Rubén Mouriz, Asier, Fran Pastor – cinco inicial – Areñas, Tucho, Freire, Martín, Paulo, Nuno e Antón.

GOLES:
1-0  Fran Pastor. (Min. 5)
2-0  Antonio (p.p). (Min. 17)
2-1  Javi Río (p). (Min. 17)
2-2  Francisco. (Min. 19)
3-2  Jose López. (Min. 21)
3-3  Diego. (Min. 25)
3-4  Javi Río. (Min. 26)
4-4  Martín. (Min. 27)
4-5  Francisco. (Min. 33)
5-5  Asier. (Min. 33)
6-5  Jose López. (Min. 36)
6-6  Diego. (Min. 36)
7-6  Jose López. (Min. 38)
8-6  Jose López. (Min. 39)

COMPARTIR