AO XUVENIL FALTOULLE PUNTERÍA

O equipo xuvenil do Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. perdeu por 2-5 ante Os Meigallos F.S. no partido correspondente á xornada 14 da Liga Galega Xuvenil, celebrado na tarde do sábado no Pavillón Municipal de Vilalba.

O equipo vilalbés viuse sorprendido desde o comezo xa que aos tres segundos de partido o equipo visitante fixo o primeiro gol e nas tres primeiros ataques a efectividade foi máxima poñéndose cun 0-3 no marcador. O Vilalba F.S. non tivo o seu día e errou en ataque clarísimas ocasións para poder revertir a situación no primeiro tempo, pero soamente convertiu unha e o equipo sarriano noutra chegada ao borde do descanso volveu a marcar levando un inxusto resultado ao descanso de 1-4.

Na segunda metade o equipo do Vilalba F.S. intentouno cun asedio sobre a portería visitante pero de novo a falta de puntería fixo imposible a remontada.

Na próxima xornada, última da primeira volta, o equipo do Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. descansará por mor da retirada do Verín F.S.