CUARTA VICTORIA CONSECUTIVA A DOMICILIO

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. venceu por 2-4 ao F.C. Meigas no encontro correspondente á última xornada da primeira volta da Liga Autonómica Feminina celebrado no Pavillón Municipal de Bertamiráns na tarde do domingo.

Non foi o mellor partido realizado polas xogadoras vilalbesas pero aínda así acadaron a cuarta victoria consecutiva lonxe do Municipal vilalbés.

O partido tivo fases boas do equipo do Vilalba F.S. pero tamén fases de moitas imprecisións. Rápidamente o equipo vilalbés cobrou vantaxe con goles de Aisha e Paula Cortiñas pero unha expulsión de Uxía por dobre amonestación fixo que o equipo local reducira distancias no marcador e se chegara ao descanso cun resultado de 1-2. Ao comezo da segunda parte nun erro defensivo das xogadoras vilalbesas o F.C. Meigas acadou o empate pero o Vilalba F.S. repúxose e cun xogo fluído anotou dous novos goles por mediación de Mariña e Antía logrando unha victoria que o sitúa ao final da primeira volta nunha máis que meritoria sétima posición cos mesmos puntos que o sexto clasificado.

A vindeira xornada o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. comezará a segunda volta visitando ao Tui Valença o vindeiro domingo ás 12:45 horas no Pavillón Novo de Tui.