O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S. A UN PASO DO ASCENSO A 2ºB

O Grupo Forma-t Vilalba F.S. gañou o sábado 7-1 ao Arenas de Manzaneda F.S. no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba ante setecentos espectadores, trinta do equipo ovetense, no partido de ida da final polo ascenso á 2ª División “B”.

O equipo vilalbés empezou moi forte o partido e aos tres minutos xa gañaba por dous tantos conseguidos por Keita e Fari e aumentou a vantaxe a tres antes do descanso cun gol de Simón. Á saída dos vestuarios Fede facía o cuarto e nunha gran xogada Simón marcaba o quinto. Antón sumábase á festa logrando o sexto e a partir dese momento o equipo asturiano saiu a xogar de cinco acadando o gol da honra no saque dunha falta. O equipo vilalbés dispuxo de varias ocasións máis pero soamente aproveitou Fari unha falta directa para establecer o resultado definitivo de 7-1.

Gran resultado o acadado polos pupilos de Quini que tentarán conseguir outra victoria no partido de volta e acadar o ansiado ascenso a Segunda División “B”.

Hai que destacar o gran ambiente vivido antes, durante e despois do encontro con dúas aficións entregadas aos seus equipos.