O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S. REMONTA E XOGARÁ A FINAL DE ASCENSO A 2ºB

O Grupo Forma-t Vilalba F.S. obrou a milagre e cunha remontada espectacular na segunda parte gañou a final do play off galego ao S.D. Xove F.S. que lle da o acceso á gran final a dobre partido contra o campión do grupo asturiano, o Arenas de Manzaneda F.S.

O partido comezou mal na primeira metade para o equipo vilalbés xa que cometeu erros que o levaron a poñerse cun desalentador 1-4 no descanso con expulsión incluída de Simón.

Despois da reprimenda de Quini no descanso a reacción non se fixo agardar e levados en volandas polos centos de siareiros “verdes” e o Frente Smoking, que acompañaron ao equipo a Burela e sempre creeron nos seus xogadores, voltearon o resultado con seis goles seguidos que poñían un cómodo 7-4 a falta de dous minutos para a finalización. O equipo da mariña intentouno con xogo de cinco pero dous goles de cada equipo deixaron o resultado no 9-6 definitivo. Os goles vilalbeses da final foron obra do capitán Ismael e Fari en dúas ocasións e tamén marcaron Antón, Keita, Fede, Aitor e César.

Na gran final contra o Arenas de Manzaneda F.S. o Grupo Forma-t Vilalba F.S. xogará a ida o 11 de xuño no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba e a volta unha semana despois na capital do Principado de Asturias.