O VILALBA F.S. CAEU ELIMINADO ANTE UN PRIMEIRA

O Vilalba F.S. caeu eliminado polo Parrulo F.S. nos oitavos de final da XXVIII Copa Galicia de Fútbol Sala. O partido celebrouse no Pavillón Municipal de Vilalba na noite do venres ante máis de cincocentos espectadores.

Gran partido o realizado polos xogadores vilalbeses que caeron con orgullo ante o único equipo galego que milita na primeira división. O equipo vilalbés aguantou ben os primeiros minutos de partido e non foi ata nos intres finais do primeiro tempo cando o Parrulo colleu vantaxe de dous goles. A dous minutos do descanso, Paulo recortou diferencias para marchar aos vestiarios cun apretado 1-2.

Na segunda parte Jose López logrou a igualada pero pouco durou a ledicia nos siareiros locais porque o equipo ferrolán acadaba de seguido o terceiro tanto. Despois dunha fase de partido igualada, e con decisión arbitrais protestadas pola bancada, o Parrulo F.S. marcou o cuarto gol e puxo moi costa arriba a eliminatoria para o Vilalba F.S. que aínda así o intentou co porteiro xogador pero non tivo sorte cara ó gol e viu como o Parrulo F.S. establecía o 2-5 definitivo.

A destacar a gran actuación de todos os integrantes do equipo vilalbés e do gran ambiente vivido nas gradas durante todo o encontro e tamén nos prolegómenos nos que o Vilalba F.S. tivo o acto de presentación de todos os seus equipos.