O VILALBA F.S. COMEZA A TEMPADA COMO LOCAL EN GUITIRIZ

O equipo de Terceira División Nacional do Grupo Forma-t Vilalba F.S. comeza a competición esta fin de semana. No primeiro partido, que se celebrará o sábado ás 20 horas no Polideportivo Municipal de Guitiriz, o equipo vilalbés recibirá como local ao Concello de Begonte F.S. no que será o primeiro derbi comarcal. O motivo de ter que xogar noutra localidade, é que a instalación vilalbesa estará ocupada polo FIV, (un ano máis), durante sete días polo que o equipo vilalbés adestrará os días previos en Guitiriz. A directiva do Grupo Forma-t Vilalba F.S. quere agradecer ao Concello de Guitiriz, en especial ao seu técnico de deportes, Manuel Martínez, e ao Guitiriz F.S. todas as facilidades dadas para que os adestramentos e o encontro se poda celebrar nesa localidade.

Respecto á tempada anterior o Vilalba F.S. tivo as baixas de Marcos, Mario, Diego Seijas, Xisco e Nuno. Os xogadores que continúan son: Ismael, Iván Gago, Antón, Aitor, Coe, Fariñas, Fede, Tini e Paulo que aínda se atopa en proceso de recuperación da lesión, aos que hai que engadir as incorporacións de César, Keita, Dieguito e Simón. Tamén coa creación do equipo filial todos os xogadores sub-23 poderán subir ao primeiro equipo si así o considera o corpo técnico que estará formado por Quini como primeiro adestrador, (cumprirá a terceira tempada no clube), Miguel como segundo adestrador e Manolo como delegado.

Dadas as limitacións de aforo no Polideportivo Municipal de Guitiriz por mor da pandemia da Covid-19 terán preferencia para acceder ao encontro os socios do Grupo Forma-t Vilalba F.S., por orde de chegada, ata completar o aforo de 120 persoas.

Forza Forma-t!!!