O VILALBA F.S. GOLEA NA PISTA DO SEGUNDO CLASIFICADO

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. goleou a domicilio por 5 goles a 1 ao segundo clasificado o Pazos de Borbén F.S., no partido celebrado na tarde do sábado no Pavillón Municipal de Pazos de Borbén, correspondente á xornada 23 de liga da Terceira División Nacional.

O primeiro tempo estivo igualado con ocasións para ambos equipos e no que o equipo vilalbés adiantouse no marcador mediada a primeira parte con dous goles nun minuto obra de Jose López e Fran Pastor. Aínda que tivo boas ocasións para ampliar a vantaxe chegouse ao descanso co resultado de 0-2.

Na segunda parte, o equipo local comezou cunha presión moi alta que fixo que crearan máis perigo que na primeira metade e acadaron o 1-2. Os xogadores adestrados por Alfonso e Luís, non se viñeron abaixo co gol e no seguinte minuto Fran Pastor marcou o 1-3. O cuarto, obra de Asier, chegou seis minutos máis tarde, deixando o partido casi sentenciado. Foi cando o Pazos de Borbén sacou o porteiro xogador, pero a boa defensa do equipo vilalbés impediu unha reacción do equipo local. A falta de seis minutos para o final o “pichichi” da categoría, Luis, foi expulsado por dobre amarela e Alexis por intento de agresión. A superioridade numérica foi aproveitada por Asier para establecer o definitivo 1-5. Posteriormente o equipo local sufriu outra expulsión quedando de novo en inferioridade, o Vilalba F.S. renunciou a marcar máis goles e tivo o control do xogo ata o final do encontro.

A destacar a gran actuación de todo o equipo vilalbés que soubo repoñerse da derrota da semana pasada na casa co A.D.F.S. Bueu e realizou un extraordinario partido nunha das pistas máis complicadas da categoría.

PAZOS DE BORBÉN F.S.
David, Pablo, Jose, Luis, Alexis – cinco inicial – Jonatan, Sergio, Jonathan, Eloy, Guillermo, Aarón e Carlos.

VILALBA F.S.
Iago, Jose López, Rubén Mouriz, Asier, Fran Pastor – cinco inicial – Areñas, Martín, Paulo, Freire e Nuno.

GOLES:
0-1  Jose López. (Min. 11)
0-2  Fran Pastor. (Min. 11)
1-2  Pablo (Min. 24)
1-3  Fran Pastor. (Min. 25)
1-4  Asier. (Min. 31)
1-5  Asier. (Min. 35)