O VILALBA F.S. SEGUE INTRATABLE

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. goleou por 9-3 ao Unión GR9 no partido celebrado na tarde do sábado no Pavillón Municipal de Vilalba, correspondente á xornada 9 de liga da Terceira División Nacional.

Gran primeira metade do equipo vilalbés que xa dominaba ao descanso por un contundente 7-0. Na segunda metade os xogadores vilalbeses relaxáronse un pouco o que aproveitou o equipo visitante para maquillar o resultado.

Con esta nova victoria, sexta consecutiva, o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. continúa como líder da categoría e visitará a vindeira xornada a sempre complicada pista de Outeiro de Rei.

Nos prolegómenos do encontro os xogadores vilalbeses saíron cunha camiseta de apoio á xogadora do equipo feminino Akira, que estará alonxada das pistas durante un tempo debido á grave lesión que sufriu fai dúas semanas.