PRIMEIRA DERROTA

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. encaixou a primeira derrota ao perder 5-6 co Pazos de Borbén F.S. no partido correspondente á terceira xornada de liga da Terceira División Nacional celebrado no Pavillón Municipal de Vilalba na tarde do sábado.

Comezou o Vilalba F.S. adiantándose no marcador cun gol de Jose López pero nunha primeira metade frouxa o equipo visitante aproveitou para irse ao descanso cun marcador de 1-3.

No comezo da segunda metade  o Pazos de Borbén F.S. ampliou a vantaxe cun gol e a reacción do equipo vilalbés non se fixo esperar. O adestrador local Kini, apostou polo xogo de cinco para catro e nun minuto os vilalbeses, por medio de Paulo e Ayalita, reduciron diferencias para achegarse a un gol. Continuaron co mesmo sistema pero foi o rival o que golpeou dúas veces máis. Os xogadores vilalbeses, lonxe de baixar os brazos, insistiron co mesmo sistema e, con goles de Gago e Paulo, puxéronse de novo a un gol a falta de cinco minutos para rematar o encontro pero non foron quen de igualar un partido no que mereceron o empate.

O vindeiro domingo o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. viaxará a Ferrol para enfrontarse a O Parrulo F.S. “B”.