PRIMEIRA DERROTA DO FEMININO

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. colleitou a primeira derrota por 5-4 ante o Sport Sala Culleredo F.S. no encontro correspondente á cuarta xornada da Liga Autonómica Feminina celebrado no Pavillón Municipal de Tarrío en Culleredo na tarde do sábado.

Na primeira parte as xogadoras do Vilalba F.S. saíron moi nerviosas e con moita precipitación o que lles costou o primeiro gol. Tras o empate por mediación de Antía de penalti o equipo mellorou e púxose 1-2, pero antes do descanso o Culleredo empatou de dobre penalti.

Na segunda parte o Vilalba F.S. estivo moito máis metido no partido, apretando ben ao rival e circulando mellor o balón, pero os erros puntuais condenaron ao equipo nun partido que visto os corenta minutos non mereceu a derrota.

Este tropezo non empaña o gran comezo que está a ter o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. nunha categoría superior e con moitas caras novas que se están adaptando cada vez mellor ao equipo.