PRIMEIRA VICTORIA DO VILALBA F.S.

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. goleou 8-3 ao Playas de Barreiros C.D., no partido correspondente á xornada 3 de liga da Terceira División Nacional celebrada no Pavillón Municipal de Vilalba na tarde do sábado.

Comezou moi ben o partido o Vilalba F.S. con moita intensidade e dispoñendo de moitas ocasións. Así pois os goles non tardaron en chegar e Fede e Fariñas puxeron o 2-0 nos primeiros minutos. O xogo e as ocasión foron decaendo e faltando 3 minutos para o descanso, o equipo mariñán acortaba diferencias no marcador cun disparo de Mario desde fóra da área que rebotaba nun defensa e colábase na portería defendida por Tini. Antes de chegar ao final da primeira parte Antón nunha xogada de estratexia poñía o 3-1 no marcador.

Nos primeiros 10 minutos da segunda parte o equipo vilalbés estivo moi impreciso e o Praias de Barreiros aproveitou a situación para acercarse no marcador e poñer nerviosos aos escasos siareiros que presenciaban o encontro, (aforo de 30 persoas debido ás limitacións polo covid). Pero noutra xogada de estratexia e nun roubo de balón, Antón establecía un tranquilizador 5-2. Nos últimos seis minutos o equipo visitante sacou o porteiro xogador e nunha boa xogada marcou o terceiro tanto obra de Borja e aínda que o seguiu intentando con ese sistema, Paulo de xogada persoal, o xuvenil Adrián de dobre penalti e Antón a porta baleira sumando o cuarto gol na súa conta particular establecían o 8-3 definitivo nun derradeiro minuto do partido no que Quini puxo na pista un quinteto formado por xogadores de Vilalba.

Debido ao sistema de competición, no que unha vez feito o calendario retiráronse tres equipos, o vindeiro partido para o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. será o 6 de xaneiro visitando ao Pontedeume F.S. aínda que con toda probabilidade se celebrará no mes de decembro para que o parón non se alargue moito.

VALDESUSO PEUGEOT VILALBA F.S.
Tini, Isma, Coe, Xisco, Aitor – cinco inicial – Chafa, Adrián (1), Antón (4), Hugo, Fede (1), Mario, Fariñas (1), Paulo (1) e Gago.

PRAIAS DE BARREIROS C.D.
David, Sergio, Borja (1), Miguel (1), Mario (1) – cinco inicial – César, Adelson, Jesús Alberto, Gabriel, Diego e Nicolau.