REMONTADA A DOMICILIO

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. remontou os dous goles iniciais e acadou unha nova victoria a domicilio ao derrotar ao C.P. Casás por dous goles a cinco na decimoterceira xornada de liga da Terceira División Nacional.

O partido púxose costa arriba para o equipo vilalbés que perdía aos 4 minutos por dous goles e que ata o minuto quince puido encaixar algún gol máis de non ser pola boa actuación do porteiro xuvenil, Iago. Nos últimos 5 minutos do primeiro tempo o Vilalba F.S. foi mellor que o rival e primeiro Fran Pastor e despois Freire, de dobre penalti, igualaron o partido antes do descanso.

A segunda parte comezou cunha presión a toda pista do equipo vilalbés e o Casás tivo moitas dificultades para saír co balón xogado. Nunha boa contra, o xuvenil Antón puxo o 2-3. Despois chegou a xogada clave do partido, nunha dobre parada de Iago, (que reaparecía despois da lesión), evitando o empate. A partir de ahí, o equipo local sacou o porteiro xogador e primeiro Asier e despois Rubén Mouriz nun saque de banda puxeron o 2-5 definitivo.

Con este resultado o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. sitúase sexto na clasificación. A próxima xornada volverá a xogar lonxe do Municipal, visitando ao Carballiño F.S.

C.P CASÁS
Juan, Jacobo, Alvaro, Ignacio, Costoya – cinco inicial – Pablo Fernández, Adrián, Julio, David, Pablo Seijas e Rafael.

VALDESUSO PEUGEOT VILALBA F.S.
Iago, Rubén Mouriz, Asier, Fran Pastor, Antón – cinco inicial – Iago Amarelo, Diego, Freire, Martín, Paulo e Nuno.

GOLES:
1-0  Ignacio. (Min. 1)
2-0  Rafael. (Min. 4)
2-1  Fran Pastor. (Min. 13)
2-2  Freire. (Min. 17)
2-3  Antón. (Min. 26)
2-4  Asier. (Min. 36)
2-5  Rubén Mouriz. (Min. 38)

COMPARTIR