SITUACIÓN PREOCUPANTE

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. perdeu por 2-3 ante o Playas de Barreiros C.D., no partido correspondente á xornada 11 de liga da Terceira División Nacional celebrada no Pavillón Municipal de Vilalba na tarde do sábado.

Mala primeira parte do equipo vilalbés que encaixou o 0-1 en propia porta nos primeiros minutos, resultado co que se chegou ao descanso. Na segunda metade mellorou algo o equipo e acadou o empate, pero en dúas contras o equipo visitante puxo o 1-3 no marcador. O Vilalba F.S. intentouno de todas as maneiras, co porteiro xogador, pero o balón só quixo entrar unha vez e a victoria foise para Barreiros.

Preocupante a situación do Vilalba F.S. que non acaba de arrancar esta tempada e está situado soamente a 1 punto do descenso.

A vindeira fin de semana haberá un parón na competición polo que virá ben para que o equipo recupere a xogadores lesionados.