VICTORIA A DOMICILIO DO XUVENIL

O equipo xuvenil do Valdesuso Peugeot Vilalba F.S., acadou unha nova victoria ante o EDO Sala Ourense por 3-4 no partido celebrado na tarde do sábado no Pavillón Colexio Maristas Santa María de Ourense, correspondente á segunda xornada da Liga Galega Xuvenil.

O equipo vilalbés dominou o comezo do encontro e púxose 0-2 con goles de Javi e Xosé. Mediado o primeiro tempo, o equipo ourensán recurtou diferencias no marcador e a partir dese intre levou o peso do partido ata o descanso.

Na segunda parte o equipo vilalbés recuperou as sensacións do principio do partido, cunha boa presión en primeira liña e saíndo con transicións rápidas. Nun erro defensivo, o equipo local empatou o partido, pero dous minutos despois Xosé adiantou aos vilalbeses. Xusto na seguinte xogada, os locais despois dunha xogada con polémica, por unhas mans non pitadas estableceron un novo empate.

O equipo adestrado por Miguel non se veu abaixo e a falta de seis minutos para o final, nunha xogada de estratexia, Adrián marcou o 3-4 que sería definitivo.

Con este resultado o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S., sitúase no grupo de cabeza, con dúas victorias nas dúas primeiras xornadas.