VICTORIA TRABALLADA DO XUVENIL

O equipo xuvenil do Valdesuso Peugeot Vilalba F.S., gañou por 5-4 ante o GRI Carballiño F.S. no partido correspondente á oitava xornada da Liga Galega Xuvenil, celebrado na tarde do domingo no Pavillón Municipal de Vilalba.

O equipo vilalbés saiu moi forte nos primeiros minutos e adiantouse con dous goles de Alex Leiras. Mediada a primeira metade Iker ampliou a vantaxe con outro gol, pero dous erros do equipo vilalbés no último minuto aproveitounos o equipo visitante para ir ao descanso cun resultado de 3-2.

Na segunda metade o equipo do Vilalba F.S. acadou outros dous goles por mediación de Iker e Xosé. Cando todo parecía sentenciado, noutros dous erros da zaga vilalbesa o GRI Carballiño F.S. puxo un inquietante 5-4 no marcador co que se chegou ao final.

Bo e entretido partido o realizado polos dous equipos que estaban na parte alta da táboa clasificatoria. Con este triunfo o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. continúa segundo clasificado.