O VILALBA F.S. CAEU CON POLÉMICA

O Valdesuso Peugeot Vilalba F.S. caeu derrotado por 3 goles a 4 ante A Estrada Futsal, no partido celebrado na tarde do sábado no Pavillón Municipal de Vilalba ante trescentos espectadores correspondente á decimoquinta xornada de liga da Terceira División Nacional.

O partido prometía e os dous equipos situados na parte alta da clasificación non defraudaron. Houbo moita igualdade, boas ocasións para ambos equipos, gol anulado ao equipo local, emoción e finalmente un erro arbitral “clamoroso” que fixo que o equipo vilalbés pasara de dispoñer dun dobre penalti a favor, a falta de 15 segundos para o remate, para gañar o partido a encaixar o gol que supuxo a derrota.

Dentro da igualdade que houbo no encontro, o equipo de A Estrada púxose por diante no marcador, pero Asier logrou o empate antes do descanso. Na segunda parte e co equipo vilalbés máis perxudicado polo estado da pista, debido á condensación que había, o equipo visitante logrou adiantarse de novo e ampliou a vantaxe, cun gol de mala fortuna para o Vilalba F.S.  xa que un centro pegou en Rubén Mouriz e colouse dentro da portería local. Os xogadores vilalbeses seguiron loitando, anuláronlle un gol a Asier nunha xogada moi protestada, e tiveron a recompensa cun golazo de Tucho, que reapareceu despois da lesión que o tivo apartado das pistas durante un ano, e cun penalti transformado por Freire, que antes errara un dobre penalti. Xa nos últimos segundos e co equipo visitante co porteiro xogador no ataque, produciuse a xogada clave, unha falta clarísima sobre Asier que os árbitros non se atreveron a pitar e que aproveitou A Estrada para marcar o gol definitivo a falta de 11 segundos. O Vilalba F.S. intentouno nunha última xogada e tivo no último segundo outra clara ocasión para acadar un empate que por méritos mereceu.

A destacar a reaparición de “Tucho” e o gran ambiente vivido nas gradas unha xornada máis.

A ESTRADA FUTSAL
Sergio Castelao, Sergio Brea, Joaquín, Jose Antonio, Pablo R. – cinco inicial – Ricardo, Rafael, Pablo Tojo, César, Eduardo, Julio e Simón.

VILALBA F.S.
Iago, Jose López, Rubén Mouriz, Asier, Fran Pastor – cinco inicial – Areñas, Tucho, Martín, Paulo, Nuno, Freire.

GOLES:
0-1  Simón. (Min. 9)
1-1  Asier. (Min. 17)
1-2  Sergio Brea. (Min. 22)
1-3  Rubén Mouriz (p.p.). (Min. 29)
2-3  Tucho. (Min. 33)
3-3  Freire. (Min. 37)
3-4  Pablo R. (Min 39)

COMPARTIR