O VILALBA FSF QUEDA CAMPIÓN NA SÚA PRIMEIRA COMPETICIÓN OFICIAL

Crónica: Iván García Calaza · @Ivan_Calaza

Sete meses de vida convertiron ao Vilalba FSF en campión da liga da provincia de Lugo. 16 partidos oficiais, 42 puntos, 71 goles a favor e 25 en contra son os datos máis salientables dunha temporada que se xa de por si era histórica, pasa a ser memorable ao batir na “final polo primeiro posto” á UD Pastoricense. Ademais, os dous equipos conseguiron un título que non ten forma de copa: facer que o Pavillón Municipal, sen asentos libres, se enchera e a afección local, xunto cos numerosos searerios visitantes, vibrase co fútbol sala.

Os coñecidos como “caprichos do calendario” fixeron que todo quedase reducido a un partido. Unha final en pleno campionato regular, como se dun torneo por eliminatorias se tratase. Ben é certo, que sen o traballo anterior dos dous equipos ao longo de todo o curso, esta situación de encontro non se produciría.

O partido púxose moi de cara para o Vilalba FSF dende o minuto dous, cando Sabela conseguiu o primeiro gol. A capitá foi unha das grandes protagonistas sobre a pista liderando o xogo do equipo verde. Catro minutos máis tarde, noutra gran xogada colocou a pelota na escadra rival ante o delirio dunha afección que se xa viña animada, comezou o seu particular éxtase coa boa marcha do equipo no choque.

Non obstante, a UD Pastoricense tamén tivo as súas ocasións, apoiada tamén pola súa xente. Para afastar os desexos visitantes de recurtar diferenzas apareceu Tati. A porteira realizou un bo número de grandes intervencións que tan só Lara conseguiu batir na primeira metade. Antes, un gol de Sabela e outro de Aisha eleveran a diferenza a catro goles. Para que os nervos non impediran seguir desfrutando, Sabela marcou o quinto antes do tempo de lecer, pouco despois de que o Pastoricense errara un dobre penalti.

A segunda metade arrincou coas locais igual de metidas no partido, algo que provocou a chegada do sexto gol por parte de Akira. A pesar da diferenza no marcador, o Pastoricense non se veu abaixo e seguiu atacando con decisión a portería rival. Lara, a máxima goleadora da competición, recurtou distancias pouco despois. A propia xogadora do Pastoricense foi expulsada catro minutos máis tarde, superioridade numérica que aproveitou Méndez para sumar o sétimo gol.

O cadro da Pastoriza seguiuno intentando no último tramo, xa con porteira-xogadora, pero o resultado non se moveu máis e o primeiro título que o Vilalba FSF tiña opción de desputar quedou na casa. Un fito histórico para o deporte vilalbés, porque pódese gañar moito, pero facelo por primeira vez é único.

FICHA TÉCNICA

U.D. PASTORICENSE
Antía Fernández, Sandra, Lara, Antía, Andrea – cinco inicial – Laura, Noelia, Miriam, Lidia e Sara.

VALDESUSO PEUGEOT VILALBA F.S.
Tati, Sabela, Patri Pisón, Aisha, Xina – cinco inicial – Antía, Akira, Carmela, Ainé, Méndez, Kayu e Marta.

GOLES:
1-0 Sabela. (Min. 2)
2-0 Sabela. (Min. 6)
3-0 Sabela. (Min. 8)
4-0 Aisha. (Min. 9)
4-1 Lara. (Min. 14)
5-1 Sabela. (Min. 19)
6-1 Akira. (Min. 20)
6-2 Lara. (Min. 24)
7-2 Méndez. (Min. 28)